Crónica e opinión Rally de Cerdeña 2018: Neuville golpea e afianza o seu liderato

Thierry Neuville conseguiu o triunfo no Rally de Cerdeña despois dunha das mellores batallas vividas nos últimos anos no WRC. O belga saíu ao último tramo 8 décimas por detras de Sébastien Ogier e conseguiu certificar unha remontada brilante para dar un golpe sobre a mesa, aumentar a súa vantaxe e deixar o mundial en cousa de dous.



Foto: Twitter - Thierry Neuville


Na xornada do venres era de esperar que os tempos de Neuville non fosen excesivamente bos, xa que o belga era o encargado de abrir pista. Non obstante, durante os primeiros tramos do día marcou tempos moi competitivos (situado por diante de Ogier). Cabe destacar que para Neuville foi un pouco menos difícil abrir pista polo feito de que choveu e a habitual terra areosa da illa italiana converteuse en barro. Iso sí, no sexto tramo o francés saíu ao ataque e colocouse líder, seguido de Mikkelsen, Neuville e Tanak. Na seguinte especial Mikkelsen víase obrigado a abandonar e dous tramos despois Tanak non puido continuar despois de aterrizar mal nun salto co que perde practicamente todas as opcións de reengancharse á loita polo campionato.

Foto: Twitter - Ott Tanak


Chegamos deste xeito á xornada do sábado onde parecía que todo ía estar en xogo entre Ogier e Neuville. E comezou así unha batalla magnífica. O belga estaba a 20 segundos do francés pola mañá e rematou a xornada a 3.9 segundos do pentacampión. Despois de que Latvala perdera varios minutos ,Lappi e Paddon eran terceiro e cuarto moi lonxe da batalla pola vitoria.

Comezaba unha xornada de domingo que prometía ser de infarto e eses 3.9 segundos que separaban a Ogier de Neuville foron diminuíndo tramo a tramo ata chegar aos 0.8 antes da power stage. Sairía primeiro Neuville. O belga sabía que tiña a oportunidade de dar un gran golpe sobre a mesa se remontaba a Ogier. E saíu con absolutamente todo. Por favor, entrade aquí e mirade dende o minuto 51 a Neuville voar sobre a terra sarda. Simplemente brutal. Arrancaba despois Ogier. Moita presión para o galo que tiña que demostrar que segue sendo superior. Comezaba liderando na primeira parte do tramo mais comezou a cometer pequenos erros que provocaron que quedara a 1.5 segundos de Neuville ao final do tramo. O belga conseguiu unha das mellores remontadas dos últimos anos no WRC. Lappi foi terceiro e Kopecky gañou no WRC2.




Foto: Twitter - Thierry Neuville


Dicíamos cando Ogier gañou en Montecarlo cunha sensación de autoridade enorme que "o mundial é moi longo e, desde logo, non vai estar regalado" na crónica desde rally. Neuville está demostrando ser capaz por fin de administrar o seu ritmo e saber cando atacar, e iso é o peor que lle pode pasar a un Ogier que pode que teña un chisco menos de ritmo, pero é moito máis intelixente e vai xestionar sempre correcamente cada vantaxe que teña. Espérannos uns rallyes cunhas batallas similares a estas coas que poderíamos chegar (por fin) a ese ansiado fin de mundial no que non se saiba o campión a 3 rallyes do remate. 27 puntos separan agora mesmo a Neuville de Ogier. 

Pese a que as dúas estrelas do WRC brilaron máis que ninguén, hai que destacar o gran rally de Esapekka Lappi, que continúa aprendendo a pasos axigantados o que é o WRC e consegue outro podio. Cuarto foi un Paddon que, pese a estar un pouco falto de ese gran ritmo que o caracteriza, volveu recuperar sensacións de anos anteriores e aumentou un pouco a confianza no seu equipo. 


Foto: Twitter - Esapekka Lappi



Quinto e sexto foron os dous Citroën (Ostberg e Breen) e , sinceramente, creo que se van repetir moitos máis quintos e sextos postos. Como xa sabedes, o equipo francés despediu a un Kris Meeke que comete moitísimos erros pero que é o único capaz de darlle vitorias ao seu equipo. Breen e Ostberg son demasiado conservadores e necesitan un piloto que arrisque máis ao seu lado para ter un equipo completo. 

Precisamente falando de equipos completos, Ford segue dando a sensación totalmente oposta. Suninen e Evans volveron a fallar e dá a sensación de que Portugal foi un espellismo. Deben mellorar para que M-Sport poida con Hyundai no mundial de construtores. 

Hai que resaltar tamén a mala sorte de Latvala e Mikkelsen. Ambos estaban facendo un rally realmente bo e perderon as súas opcións de loitar por factores externos a eles. Non obstante, se seguen así os bos resultados chegarán nalgún momento. Por último, Ott Tanak volveu golpear o seu Toyota e parece que terá que esperar ata 2019 para ter opcións reais de loitar polo mundial. Aínda así, o estonio ten un futuro brilante por diante e teno todo para chegar a ser campión algún día. 


Publicacións populares