Crónica e opinión Rally de Portugal 2018: A fin de semana perfecta para Neuville

Que sorte temos os galegos de ter ao lado algo tan marabilloso coma o rally de Portugal. Non podo comezar esta crónica doutra maneira. Xa non só é o feito de ver o WRC, é que o propio rally é sempre dos mellores do campionato. Duro, impredecible, nunha localización impresionante e plagado de afeccionados. Foi unha fin de semana na que dende o primeiro tramo a emoción estivo presente e na que hai un claro vencedor: Thierry Neuville.



O rally comezou moi mal para Toyota. Ott Tanak víase obrigado a abandonar despois de golpear unha pedra co seu Yaris WRC. Un tramo despois, sería Jari-Matti Latvala o que tería que retirarse tamén con problemas na suspensión por un golpe. Uns tramos despois sucedía algo totalmente inesperado: Ogier tiña que retirarse despois de romper a dirección do seu Ford cunha raíz dunha árbore.

Foi nese momento cando Thierry Neuville comezou a atacar (os que estivemos en Caminha puidemos velo cos nosos propios ollos) e conseguiu a primeira praza antes de rematar a xornada do venres. Mikkelsen e Paddon tamén se vían obrigados a abandonar antes de rematar o día polo que a alegría no equipo Hyundai foi moderada.

Poucas cousas cambiaron nas dúas seguintes xornadas. Neuville seguiu aumentando a súa vantaxe sen forzar moito mentres que Evans, Sordo e Suninen estaban detras do belga, os dous últimos máis por supervivencia que por ritmo. Finalmente o piloto finés Teemu Suninen adiantaría a Dani Sordo na clasificación para certificar un dobre podio de M-Sport. Sordo foi finalmente cuarto e Esapekka Lappi o mellor Toyota en quinta posición, seguido de Ostberg e Breen.



No WRC2, Pontus Tidemand volveu impor a súa autoridade e rematou gañando a proba e finalizando na oitava posición xeral.  Nil Solans (que en directo se mostraba espectacular), rematou no posto 19 pese a ter varios problemas.




As condicións duras e cambiantes características deste rally de Portugal non parecían as idóneas para un Thierry Neuville que en ocasións non sabe administrar ben o seu ritmo e a súa vantaxe. Non obstante, o belga aproveitou os erros dos seus dous maiores (e quizáis únicos) rivais na loita polo campionato e foi capaz de non cometer nin un erro para gañar o rally, sumar 4 puntos máis na power stage e colocarse como líder do mundial con 19 puntos de vantaxe sobre Sebástien Ogier. Na pasada temporada o belga non foi capaz de xestionar correctamente a súa condición de líder, veremos se aprendeu a lección e é capaz de actuar con máis cabeza nas próximas probas.


Precisamente Ogier intentará facer o máis incómodo posible o liderato actual de Neuville. O francés non comete erros case nunca, de feito adoita cometer só un por ano. Será só Portugal neste caso? Fin de semana para olvidar para o de Gap que estaba mostrando un gran ritmo pese a abrir pista e finalmente sairá de terras lusas con 0 puntos.

Fin de semana para esquecer tamén para un equipo Toyota que vai de máis a menos. A mellor noticia foi o quinto posto de Esapekka Lappi, xa que o comezo do rally foi desastroso para o equipo de Makinen. Non obstante, grazas ao erro de Ogier, Ott Tanak aínda está na loita polo campionato.



Dani Sordo foi cuarto, resultado correcto pero que non é suficiente para un piloto que iba sen presión e non foi quen de atacar nin a Suninen nin a Evans (que esta vez si cumpriron as espectativas). Rematou recuperando o cuarto posto no último momento por unha pequena sanción a Lappi. Comeza a ser preocupante a súa falta de ritmo. Tanto Mikkelsen como Paddon (os dous pilotos que escolleu Nandan para que puntuaran no mundial de constructores) non foron capaces de rematar o rally (un por problema mecánico e outro por golpear unha pedra), polo que M-Sport sairá reforzada desta proba no mundial de marcas pese ao accidente de Ogier.



Citroën segue navengando sen rumbo. Kris Meeke intercambia boas sensacións e un gran ritmo con problemas continuos polo que é difícil para el loitar polos rallyes. Cando se atopaba en terra de ninguén tivo un accidente brutal do que saíu milagrosamente ileso. O seu mentor Colin McRae estaría moi orgulloso del porque nunca levanta o pé. Breen fixo gala da súa habitual consistencia pese a ter varios problemas e Mads Ostberg non foi quen de atoparse cómodo co coche.



En definitiva, a fin de semana foi moi emocionante e evidenciou algo que moita xente non tiña claro despois de Montecarlo: acabáronse os monólogos de Ogier, o mundial vai estar moi díficil de conseguir esta tempada.

Publicacións populares