Crónica e opinión Rally de Alemaña 2018: Tanak aplasta e revive

Ao rematar o rally de Cerdeña tiñamos a sensación de que o mundial ía estar entre os dous nomes que loitaron polo trono o ano pasado: Neuville e Ogier. Ott Tanak necesitaba unha racha case imposible para volver a alzanzar aos pilotos de Hyundai e Ford. E esa racha chegou. E de que maneira: dúas vitorias consecutivas dominando de principio a fin e unha vitoria e un segundo posto nas Power Stage. Só quedan 4 rallyes pero o estonio está a só 13 puntos de Ogier e a 36 do líder do mundial, Neuville. E, como sabedes, no WRC nada é imposible.


Foto: Twitter




A proba teutona estivo dominada de principio a fin polo piloto estonio. No venres comezou marcando o ritmo, seguido dun Ogier que era incapaz de achegarse a el e dun Neuville que afirmaba estar moi incómodo no Hyundai. Evans era o "primeiro do resto" e Dani Sordo situábase en séptima posición, lonxe do seu habitual ritmo en asfalto. 

Chegou o sábado (a xornada máis emocionante) e todo cambiou. Evans perdeu ritmo e cando volvía atacar tivo un accidente. Dani Sordo comezou a remontar a base de grandes cronos. Ao mesmo tempo, Neuville seguía incómodo e caía á quinta posición. Parecía un panorama difícil para o belga ata que Ogier tocou un dos famosos hinkelsteins co seu Ford e tivo un pinchazo co que perdeu máis de un minuto e medio e caíu ata a novena praza.


Foto: Twitter


Na xornada do domingo a sorte seguiulle sorrindo a Thierry Neuville. Latvala abandonaba por problemas mecánicos e Sordo tiña un accidente cando trataba de atacar. O belga era segundo sen sentirse cómodo en ningún momento. Finalmente, Ogier conseguiría remontar varios postos na xornada do domingo para rematar cuarto e evitar, deste xeito, que Tanak non saíse aínda máis vitorioso do rally alemán.



Foi curioso nesta proba ver a Ogier e Neuville invertindo os papeis que tiveron o ano pasado. Neste caso é Neuville o que non arrisca pese ao resultado adverso e Ogier o que ten que atacar e comete un pequeno erro. Quedan aínda catro rallyes e, sumando agora a Tanak, cada tramo vai estar cheo de emocións.


Foto: Twitter


A mellor noticia para M-Sport foi a capacidade de Ogier de remontar pese ao pinchazo, porque o accidente de Evans e o rally frouxo de Suninen (que pese a todo foi quinto) alonxan ao equipo de Malcolm Wilson de repetir o título de construtores. Ademáis, Neuville e Tanak coneguiron máis puntos que Ogier e non será nada fácil revalidar o título de pilotos. 

En Toyota Tanak e Lappi volveron ser a cara e Latvala volveu ser a cruz. Outro bo rally pero outra vez os problemas mecánicos obrigan ao finlandés voador a despedirse con 0 puntos doutra proba. Cuiroso que o coche que máis falle sexa o de Jari-Matti... Será súa culpa? Será mala sorte? Lappi volveu ao podio nun rally de asflato e Tanak... Poucos adxectivos poden describir estes dous rallyes. Volve á loita pola porta grande e pode protagonizar unha remontada histórica se segue así.



foto: overdrive
Aínda así, Tanak terá que pasar antes por riba de un Neuville que está administrando moi ben a súa vantaxe e ten moitas posibilidades de ser campión. Non arriscou e saíu de Alemaña con máis vantaxe e máis confianza. Mágoa para o seu equipo que só el fose capaz de rematar nun bo posto. Dani Sordo estivo magnífico e por fin tivo esas gañas que moitas veces lle pedimos. Tivo mala sorte cando ía a por todo e iso non se pode achacar. Pola contra Mikkelsen segue moi lonxe do ritmo que debería mostrar nunha temporada para olvidar. E falando de temporadas para olvidar, Citroën non levanta cabeza. Cando mellor estaba Breen tivo un accidente coa súa consecuente retirada e Mads Ostberg non tivo ritmo en ningún momento do rally.

No WRC2 os dous pilotos españois (Cohete e Nil Solans) tiveron que abandonar debido a dous accidentes. Unha mágoa, en especial no caso de Nil Solans, que estaba loitando polos primeiros postos e marcando scratches.

Foto: Twitter


O próximo rally será Turquía. Hai varios anos que esta proba non está no mundial así que será un rally totalmente novo que promete ser moi emocionante e importante para o desenlace deste mundial. 


Publicacións populares