Previa Rally de Polonia: O momento dos nórdicos voadores

Xa sobrepasado o ecuador do mundial de rallyes chegamos a dúas probas parecidas nalgúns aspectos: Polonia e Finlandia. A primeira parada será no país centroeuropeo. A superficie polaca é unha terra un pouco máis arenosa que a finlandesa, os tramos son máis estreitos e hai saltos, pero de menor tamaño. Aínda así, a característica principal deste rally é a velocidade. Os tramos son rapidísimos e os pilotos terán que levar os WRC 2017 á súa máxima velocidade durante gran parte dos trazados. 

foto: red bull

Un rally con estas características é ideal para o estonio Ott Tanak e o finlandés Jari-Matti Latvala, terceiro e cuarto do mundial respectivamente. Ambos fixeron un gran rally en Italia e achegáronse un pouco á loita polo primeiro posto. Nos rallyes rápidos de terra éÇ onde os dous pilotos nórdicos mostran todas as súas cualidades. De feito, Tanak afirmou que esta proba é a súa favorita (non gañou en 2016 por un pinchazo). Fronte a eles, estarán un belga e un francés, Neuville e Ogier, segundo e primeiro. Ambos prefiren o asfalto e rallyes máis lentos. Desde logo, o enfrontamento promete. 

O único equipo que non ten pilotos nesa loita é Citroën, cunha situación actual bastante desesperante. O xefe de equipo, Yves Matton, decidiu substituír a Kris Meeke por Andreas Mikkelsen despois doutro rally cheo de percances para o norirlandés. M-Sport contará neste rally cun membro máis na súa armada de Fiesta WRC: o finlandés Teemu Sunninen, unha das grandes promesas e destinado a ser un dos grandes do WRC no futuro. 

foto: La Tula Sport
A proba polaca vai ser moi importante tamén para Thierry Neuville, que pode achegarse máis a un Ogier que lidera con 18 puntos de vantaxe e que estivo bastante frouxo en Italia. Outro piloto que vai atraer moitas miradas é Esapekka Lappi, despois dunha sorprendente actuación en Italia con remontada incluída. Veremos tamén de que é capaz o cántabro Dani Sordo nunha superficie na que non se sinte demasiado cómodo (menos aínda se cabe cuns trazados tan estreitos). 

Calquera dos catro primeiros pode perder parte das súas opcións a ser campión do mundo xusto antes de comezar a recta final do mundial. Se non volo queredes perder, recordade que en redbull.tv haberá resumos diarios todos os días de rally ás 23:00. Ademáis, emitirán en directo o tramo do sábado ás 14:00. Movistar, pola súa parte, retransmitirá, ademáis do tramo antes mencionado, o do sábado ás 08:00, o do domingo á mesma hora e a power stage o domingo ás 12:00, todos en Movistar Deportes 1.

Publicacións populares