Desvelado o novo treito do Rally Sur do Condado

 Seguindo os directos semanais de cada sábado da Escudería SURCO fomos coñecedores, hai dúas semanas, de que esta edición do Rally Sur do Condado contaría cun novo concello dentro do seu itinerario polo que nunca antes pasara esta proba. Polo momento, xa eramos sabedores que este concello contaría cun treito e que sería moi, moi rápido; ata aí podiamos saber ese día e teríamos que agardar impacientes unha semana máis para coñecer máis detalles.


Rally Sur do Condado 2019-Marcos Parada


Moitos aficionados do rally que seguían o programa comezaron a pensar onde podería ser ese novo treito, algunhas apostas incluían lugares como Pazos de Borbén, Mos, Porriño, Tui... mais neste derradeiro programa, coincidindo co WRC de Portugal, os presentadores, Iván Roldán e Roberto González, contaban coa presencia da alcaldesa de Mos na emisión en riguroso directo. Durante esta entrevista con Nidia Arévalo deuse a coñecer que o concello de Mos acollería por primeira vez o rally que ten centro en Salvaterra de Miño. Facíase público oficialmente que o concello de Mos contaría cun dos treitos do vixésimo aniversario da Escudería SURCO e, ademáis, cun reagrupamento no Pazo de Mos.


Esta non é a primeira ocasión na que Mos conta cun treito dun rally, xa puidemos ver aló polos anos 90 o treito de Mos, pertencente ao Rally de Porriño.


Tamén cabe destacar que durante estas emisións dende Salvaterra comentáronse moitas máis cousas sobre o rally e outros temas que son moi interesantes, deixámosvos o enlace da canle para que os poidades ver: YouTube Escudería SURCO

Comentarios

Publicacións populares