Previa Rally de Suecia 2017: O momento de Toyota

Chega a segunda proba do WRC, o rally de Suecia. Como ben saberedes, a proba escandinava é a única que se disputa sobre unha superficie formada íntegramente por neve. Polo tanto, é un rally especial, no que é necesaria moita experiencia e os pilotos nórdicos parecen contar cunha vantaxe engadida debido ao seu coñecemento do terreo.

Foto: diariomotor


Nesta edición a neve será aínda máis protagonista xa que as frías temperaturas dos últimos días fixeron que as nevadas das últimas semanas se conservaran intactas. Os famosos bancos de neve van volver estar presentes e os tramos prometen ser espectaculares.

Dicía antes que os nórdicos "xogan en casa" en Suecia, e precisamente hai un equipo que está formado case na súa totalidade por persoas nórdicas: Toyota. O equipo de Tommi Mäkinen deu a sorpresa o ano pasado neste rally e este ano comezou a temporada da (case) mellor maneira posible subindo dous coches ao podio. Poden demostrar que xa non son novatos e están preparados para loitar polos títulos.
foto: motorsport.com



Aínda así, o rival a batir será o de sempre, Sebastien Ogier. Non obstante, o francés non é un experto en neve e é moi posible que non ataque demasiado e teña o podio como obxectivo principal. Elfyn Evans tampouco é un experto nesta resbaladiza superficie, pero M-Sport contará neste rally con Teemu Suninen, piloto nórdico e con bo ritmo en neve. Ademáis Henning Solberg participará tamén neste rally co Fiesta WRC que utilizou Mads Ostberg na pasada temporada e Lorenzo Bertelli , que contaba con correr aquí o seu único rally da temporada, non poderá asistir finalmente por cuestións laborais.

O equipo Hyundai está tocado despois dun mal inicio en Montecarlo e ten a oportunidade de resarcirse. Hayden Paddon pilotará nesta ocasión o terceiro coche da marca coreana. Thierry Neuville ten un mal recordo deste rally despois de ter un golpe na última superespecial do sábado que o forzou a retirarse cando era líder de forma clara e non dubidará en atacar para conseguir quitarse esa espina.

foto: wrc.com



En Citroën as esperanzas están postas en Mads Ostberg. O noruego é especialista en neve e ten que intentar darlle unha alegría a un equipo que segue en crise. Veremos se Kris Meeke mantén a súa templanza tal e como fixo en Montecarlo.

Neste rally o catalán Nil Solans correrá co Fiesta R5, pero non dentro do WRC2 senon como piloto independiente. Será en Mexico cando se estree na categoría de apoio ao WRC. Solans ten que conseguir experiencia en neve e esta é unha gran oportunidade.


foto: rallyes.info


Recordade que se queredes ver todos os tramos en directo precisades de WRC+ All Live. En redbull.tv, ademáis dos resumos ás 12 da mañá emitirán o tramo das 15:08. En Movistar Deportes 1 emitiranse os tramos do xoves ás 20:00, do sábado ás 15:00 e do domingo ás 12:00.

Publicacións populares