Previa rally de Catalunya 2017: Nunca deixes de crer

Poucos deportes son tan impredecibles como os rallyes. Nun segundo podes pasar de estar tocando un campionato do mundo a nin sequera rematar a proba. Pode fallar a máquina (todos estades recordando a Carlos Sainz), ou a persoa (que llo digan a Hirvonen ou McRae). 17 puntos separan a Ogier e Neuville a tres probas do final. A priori, pode parecer unha distancia difícil de remontar, pero en realidade é unha distancia relativamente curta. 

foto: autosport
O WRC chega ao que, por agora, é o noso país. Non está ben mesturar a política co deporte e menos cos rallyes, pero neste caso é necesario, xa que durante os recoñecementos certas partes dos tramos atopábanse bloqueadas por mor da folga que, como sabedes, está tendo lugar en terras catalás. En principio desde a organización pídese tranquilidade e parece que durante o fin de semana non haberá ningún problema e non corre perigo a disputa do rally. 

No meramente deportivo, chegamos á única proba mixta do campionato. O venres será a xornada dedicada á terra. Unha terra que é moi compacta polo que o grip é alto, aínda que pode ser moi resbaladiza se chove (non parece que vaia a ser o caso). Sábado e domingo o rally volve ao seu habitual asfalto suave que dá lugar a tramos rápidos cun ritmo moi fluído. 

As condicións desde rally, en especial no asfalto, fan automáticamente favorito a Dani Sordo. O
foto: autosport
cántabro pode estar ante unha das súas últimas oportunidades de gañar na casa e de resarcirse despois dunha temporada regular. Non obstante, no equipo Hyundai os focos van estar postos en Thierry Neuville, que (por qué non?) podería incluso saír liderando o mundial desta proba. O belga ten ritmo e ten coche para facer posible a remontada. As súas palabras ao rematar o decepcionante rally de Alemaña eran de esperanza, "Conseguín recuperarme de situacións moito peores ca esta, por que non vou ser capaz esta vez?". Ademáis terá un novo compañeiro de equipo, o noruego Andreas Mikkelsen, que abandonou Citroën para unirse ao equipo coreano. Parece que Paddon esgotou a paciencia dun Nandan que soña co campionato de pilotos e ten aínda un chisco de esperanza con respecto ao título de construtores. 

Teremos, polo tanto, que prestar moita atención a un equipo Hyundai no que podería haber ordes de equipo para que Neuville e o seu copiloto Gilsoul saquen os máximos puntos posibles. Veremos ademáis se Nandan planea unha estratexia de "marcaxe" a Ogier que implicaría a Sordo e a Mikkelsen e que os obrigaría a tratar de atacar cando o francés ataque e tratar de asegurar cando teñan vantaxe sobre el. 

foto: Autosport
En M-Sport hai total confianza nun Sebastién Ogier que aínda non sabe se seguirá cos de Cumbria a vindeira temporada. Ademáis, Ott Tanak demostrou despóis da súa vitoria en Alemaña ter un gran ritmo en asfalto polo que podería tamén loitar polo triunfo. De feito, aínda ten posibilidades matemáticas de gañar o mundial, e podería aproveitarse dun dobre erro Ogier-Neuville (recordades aquel mundial 2007 de F1 que rematou gañando Raikkonen?) Ademáis, Evans pode dar a sorpresa xa que o asfalto é a súa superficie favorita. Pensará Wilson tamén nun "marcaxe" a Neuville? 

foto: diarioAS
Nos dous equipos restantes, que dificilmente loitarán por algún título, hai situacións contrastadas. Toyota, a revelación da temporada, chega sen nada que perder e cun Latvala que curiosamente adoita ter un bo ritmo en terras catalanas. Pola contra, Citroën xa pensa en 2018 e o seu xefe de equipo, Yves Matton, confirmou que contratar a Ogier é a súa prioridade para a próxima temporada. 

No WRC2 participará o vixente campión do CERA, Cristian García, piloto que disputará probablemente un programa a nivel internacional na próxima temporada e que ten unha oportunidade de mostrar o seu gran ritmo en asfalto diante das miradas dos grandes equipos.

Se non vos queredes perder nada da proba do noso país, recordade que en redbull.tv emitiranse resumos cada día de rally ás 22:00, coa a axuda do gran Luis Moya como comentarista. Ademáis, por primeira vez no ano, teremos tramos en directo en aberto en TELEDEPORTE, os mesmos que se emitirán en movistar deportes 1. O do sábado ás 13:00 (que tamén retransmitirá redbull.tv), e os do domingo ás 8:30 e ás 12:00. 


Publicacións populares