Previa rally de Alemaña 2017: Oportunidade de ouro para Hyundai na súa segunda casa

Despois de varios rallyes de terra o WRC volve ao asfalto. Neste caso será o rally de Alemaña, a última proba 100% asfalto da temporada. O equipo Hyundai, de marca coreana pero con sede en Alemaña, ten aquí unha oportunidade de ouro para achegarse un pouco máis aos que serían os primeiros títulos do WRC na súa historia, tanto en pilotos (Neuville lidera empatado a puntos con Ogier) como en constructores (están a 34 puntos de M-Sport). 

A proba teutona é moi curiosa, xa que ten dúas partes moi diferenciadas. A primeira a zona dos viñedos, unhas estradas moi estreitas de asfalto suave nas que hai que ser moi preciso. A segunda, a zona do campo onde as estradas son máis anchas e a superficie varía entre cemento, asfalto suave e asfalto abrasivo. 

foto: motor1.com

Como dicía antes, é o momento de Hyundai. Neuville, nunha superficie que é do seu agrado e nun rally no que conseguiu a primeira vitoria da súa carreira pode marcar a diferencia nun campionato ao que só lle quedarán tres rallyes cando poña rumbo a Cataluña. Dani Sordo, despois de varios rallyes nos que estivo moi falto de ritmo, chega á súa especialidade. O cántabro non pode fallar, de facelo, quizáis o seu asento en Hyundai peligre. Paddon participou nesta temporada en varios rallyes de asfalto externos ao WRC (como o mítico San Remo), xa que é a súa peor superficie. Será capaz de mostrar melloría?      


O principal rival en tódolos campionatos para Hyundai é M-Sport con Ogier como abandeirado. O francés ten un ritmo moi bo en asfalto e é probable que sexa máis difícil de superar que na rápida terra polaca e finlandesa. Neuville debe ter o seu nome moi en conta, xa que o que quede por diante nesta proba chegará á península como líder. 

foto: francetv sport


foto: wrc.com
En Toyota a estratexia é ir rally a rally despois de alonxarse demasiado dos postos de cabeza no campionato e da inesperada vitoria de Lappi. Canto mellor sexa o resultado e máis se aprenda de cara ao futuro, máis positivo será o balance. No caso de Citroën a desesperación xa é palpable e o equipo xa ten a cabeza en 2018. Máis aínda tendo en conta que Kris Meeke golpeou o seu Citroën na primeira especial do rally que se disputou o xoves pola tarde. Esperemos que o test que realizou Loeb axudara ao C3 WRC a ser un pouco máis competitivo. 

Se non vos queredes perder esta intensa loita, recordade que en redbull.tv teredes resumos cada día de rally ás 22:00. Ademáis, emitirán un tramo en directo ás 11:50. Movistar Deportes 1, neste caso, só retransmitirá dous tramos en directo, o que tamén é retransmitido por redbull.tv e a power stage  do domingo ás 12:00. 

Publicacións populares