A pasada fin de semana mirabamos como Alberto Meira conseguía a vitoria no rally de casa, o Rally Sur do Condado, e cun bo ritmo posicionábase por diante de Iago Caamaño durante a proba.
Marcos Parada
Nesta cita do CGR ausentábase Víctor Senra, unha noticia que sorprendeu a moitos cando, días atrás, afirmara que seguiría no campionato galego. Esta decisión viuse afectada pola oferta da escudería Vallejo Racing, que ofrecía o DS3 R5 a Víctor para o Rallye de Ferrol. Estas dúas probas disputábanse o mesmo día, o que fixo que Víctor tivese que decidir entre as dúas. Unha ampla vantaxe no CGR e a oportunidade de correr no CERA en categoría absoluta fixeron que Senra se decantase polo Rallye de Ferrol e deixando a competición polo Rallye Sur do Condado entre Alberto Meira e Iago Caamaño como principais candidatos.
Víctor Senra chegaba a Ferrol con poucos quilómetros sobre o Citroën DS3, pero a pesares diso, o piloto galego facíase coa segunda posición ao final do rallye, por detrás de Iván Ares e despois do abandono de Cristian García, que lideraba a proba.