Crónica rally de Polonia 2017: Neuville achégase a Ogier

Thierry Neuville conseguiu a vitoria nun emocionante rally de Polonia no que aproveitou que os dous favoritos, Latvala e Tanak, non conseguiron rematar. O belga mantivo unha loita moi intensa co estonio ata que un golpe o forzou a retirarse. Hayden Paddon conseguiu por fin volver ao podio cunha meritoria segunda posición e Sebastian Ogier, con bastante fortuna, rematou terceiro.

foto: wrc.com


A proba comezou cuns tramos moi mollados e cheos de barro por mor da chuvia.  Os catro pilotos que loitan polo campionato marcaron os mellores cronos, aínda que Ogier mostraba un ritmo inferior ao marcado por Neuville, Latvala e Tanak. O belga rematou o día como líder, seguido moi de preto polos dous nórdicos. Ogier, pola contra, seguía alonxándose e Hayden Paddon estaba a escasos segundos do piloto de M-Sport. Foi unha xornada con moitos contratempos. O piloto revelación en Italia, Esapekka Lappi, golpeou o seu Toyota e viuse obrigado a abandonar. Teemu Suninen (que rematou finalmente sexto), tivo un percance co seu Fiesta WRC que rematou contra o portal dunha granxa. Ademáis, Breen, o mellor piloto de Citroën na clasificación, tivo un problema mecánico que o obrigou a retirarse.

foto: wrc.com

A xornada do sábado sería crucial para as aspiracións do "finlandés voador" Jari-Matti Latvala. O seu Yaris WRC tivo un problema mecánico irremediable cando rodaba terceiro a menos de 10 segundos da cabeza de carreira. Golpe moi duro para un Latvala que se tivo que conformar cos 5 puntos da power stage do domingo na que non tivo rival. Ogier tamén sufriu moito nesta xornada. O seu Fiesta tivo dous pinchazos, un deles antes dunha pérdida de control do seu coche no que, por sorte, só perdeu algunhas pezas da parte dianteira. Podería ter sido moito peor. Neuville tamén tivo un pinchazo, polo que cedeu durante varios tramos o seu liderato a favor de Ott Tanak, que estaba mostrando un ritmo impresionante e unha conducción moi vistosa (merece a pena ver os videos do estonio). Aínda así, e grazas a pequenos erros de Tanak, o belga volveu ao liderato (cunha conducción máis fina que a de Tanak).


foto: wrc.com
Chegamos á última xornada coa sensación de que o rally era cousa de dous. Neuville e Tanak mostraron a súa mellor versión mantendo unha loita preciosa ata que o de Ford sobrepasou os límites atacando e golpeu unha árbore. Foi imposible continuar para el, o que deixou o triunfo en bandexa a un Neuville que estivo brillante nun rally moi difícil cunhas condicións máis difíciles aínda. Queda así a só 11 puntos de Ogier no mundial. Segundo rematou finalmente Paddon, cun gran ritmo tamén. Terceiro foi Ogier, que tivo unha saída de pista, coa sorte de que foi nun campo e o seu Fiesta non tivo prácticamente danos. 

Un tema especialmente interesante é o do frances. Segundo rally seguido sen gañar ningún tramo nunha proba que tivo un resumo claro: tres pilotos loitaban por conseguir o mellor resultado posible e deixábano todo nos tramos mentres Ogier esperaba os seus erros sen arriscar (e aínda así con sorte). Diferentes filosofías, diferentes formas de ver os rallyes (como dicía Ari Vatanen, "de ver a vida"), todas elas respetables, por suposto. Eu, desde logo, defendo a filosofía dos tres primeiros. 

De volta na clasificación, cuarto foi Dani Sordo que seguiu unha estratexia parecida á de Ogier pero cun ritmo máis baixo. Lefebvre, que fixo un rally de menos a máis, foi o mellor Citroën, quinto. Suninen foi sexto nun debut impresionante para o finlandés, que apunta maneiras. No WRC3 e WRCJunior volveu gañar Nil Solans, que sigue brillando. 







Publicacións populares