Previa Rally de Cerdeña: cousa de 4
O WRC chega ao seu Ecuador coa súa visita a Italia, concretamente á illa de Cerdeña. Esta proba é unha das máis duras do campionato debido ás altas temperaturas e á superficie dos tramos: unha grava moi arenosa que fai que sexa complicado abrir pista nas primeiras pasadas e á súa vez queda moi deteriorada para o segundo paso dos coches.
Despois dun rally de Portugal cheo de emocións, parece que o campionato vai ser cousa de 4 nomes que por ritmo e consistencia dan a sensación de ser superiores ao resto dos pilotos. Dous deles son pilotos de Ford: Ogier e Tanak. O francés chega a Italia coa moral moi alta despois de gañar en Portugal e é, sen ningunha dúbida, o rival a batir. Terá que abrir pista durante a primeira xornada, aspecto bastante importante na terra italiana. O estonio, pola contra, parece o máis distanciado dos posibles campións. Certos erros fixeron que non puidera puntuar o suficiente aínda que o seu ritmo é moi alto. É moi inxusto que aínda non teña unha vitoria no seu palmarés, quizáis en Cerdeña consiga sorprender cunha vitoria coa que achegarse un pouco máis á loita polos primeiros postos.
Foto: SA Racer |
Na segunda posición do campionato, a 22 puntos de Ogier, está un Thierry Neuville que buscará repetir vitoria na illa italiana (gañou en 2016). Un triunfo aquí (ou un posto mellor que o de Ogier) deixaría ao piloto de Hyundai preto do seu obxectivo xusto á metade da temporada. Pola contra, un erro podería deixalo afastado dun Sébastien Ogier que non adoita fallar. O segundo piloto do seu equipo, Dani Sordo, tratará de continuar conseguindo posicións altas gracias á súa consistencia. Nesta superficie o cántabro ten boas sensacions, pero o feito de que os tramos sexan moi estreitos fai que non teña a confianza suficiente para atacar polo que probablemente tratará de utilizar a súa estratexia conservadora. Hayden Paddon tratará de sacar algo positivo despois unha temporada que ata agora está sendo a peor da súa carreira como piloto de Hyundai.
foto: wrc.com |
O último piloto dos catro que poden realmente facerse co título é Jari-Matti Latvala, piloto dun equipo Toyota que volverá a ter tres coches, xa que volve correr Esapekka Lappi. Con respecto ao equipo Citroën, o ex-piloto de Volkswagen Andreas Mikkelsen (por fin!) substituirá a Lefebvre co obxectivo de mellorar unha primeira metade de temporada bastante mediocre. Para un equipo con tanta historia no mundial de rallyes como Citroën, que o mellor na clasificación sexa Craig Breen de 7º é un resultado moi mediocre. Cabe destacar tamén que o piloto privado Mads Ostberg volverá correr co seu Fiesta WRC 2017.
O rally de Sardegna pode ser trascendental no que é posiblemente o mellor mundial que estamos vivindo desde 2004. Se non vos queredes perder o transcurso da proba, recordade que en redbull.tv emitirán resumos todos os días de rally ás 23:00. Ademáis, retransmitirán un tramo o sábado ás 15:00. Este tramo tamén será retransmitido en Movistar Deportes 1, sumado a dous tramos do domingo (o das 9:00 e o das 12:00).