Crónica Rally de Cerdeña 2017: Tanak fai xustiza

Ott Tanak conseguiu por fin a súa ansiada primeira vitoria no WRC. Despois de perder unha vitoria que case tiña asegurada no Rally de Polonia da temporada pasada, o estonio tiña unha conta pendente. Aproveitou o erro de Paddon e mantivo un ritmo moi alto durante todo o rally para conseguir unha vitoria que fai xustiza e que o achega á loita polo mundial. 


foto: wrc.com



O rally comezou dunha forma moi extraña. Os pilotos que comezaron a temporada dunha forma máis decepcionante marcaron un ritmo moi alto mentres que os que loitaban polo campionato trataban de conservar máis. Así, Paddon, Hanninen, Meeke e Ostberg, acompañados por Dani Sordo (ata que tivo problemas no seu Hyundai i20 WRC) comezaron liderando a proba. Kris Meeke tardou pouco en cometer un erro que daría lugar a un novo accidente co seu consecuente abandono. A paciencia do seu xefe de equipo, Yves Matton, esgotouse, e Andreas Mikkelsen, que fixo un rally discreto pero seguro (rematou oitavo), sustituirá ao norirlandés en Polonia. Unha pena os problemas de Dani Sordo que comezou atacando e marcando uns moi bos tempos. Non está tendo boa sorte o cántabro esta temporada.

foto:wrc.com

Pouco a pouco os pilotos de primeira fila foron avanzando posicións. Ostberg perdeu ritmo e Hanninen tivo un golpe co que perdeu tempo e caiu á sexta posición. Non obstante Hayden Paddon, no seu mellor rally no que levamos de temporada, mostrouse intratable e conservou o seu liderato durante varios tramos. Na segunda metade da xornada do sábado, un erro de pilotaxe fixo que golpeara a parte traseira do seu Hyundai, obrigando ao piloto neozelandés a retirarse e a alongar o seu desastroso comezo de temporada. Despois disto, Ott Tanak fíxose cun liderato do que non se separaría ata rematar o rally.

Ao comezar a xornada do domingo, Jari-Matti Latvala (que fixo un gran rally) tratou de atacar para conseguir a vitoria pero un par de pequenos erros deixárono lonxe do obxectivo, mais cun segundo posto importante para seguir loitando polo campionato. Terceiro foi finalmente un Thierry Neuville con problemas nos frenos do seu Hyundai. Consigue así colocarse a 18 puntos de Ogier na clasificación. É curioso que a estas alturas da crónica non mencionara aínda ao tetracampión francés, pero o seu rally foi bastante decepcionante. Temos que ter en conta, non obstante, que tivo que abrir pista o venres no rally do campionato no que máis se nota este factor. Aínda así, só foi quen de atopar un bo ritmo o domingo para roubarlle o quinto posto a Hanninen. O rally do francés pode resumirse en que non foi quen de gañar ningún tramo. 

foto: backpagepics

O piloto que si foi capaz de gañar tramos foi o finlandés Esapekka Lappi. O seu segundo rally nun WRC foi brillante. Rematou cuarto despois de chegar a ir duocécimo. Marcou un scratch sen poder dispoñer da segunda marcha do seu Toyota. Makinen debeu tomar nota, sen dúbida, dun rally no que foi a revelación. 

En canto ao WRC2, Jan Kopecky conseguiu a vitoria (Camilli foi o mellor R5 pero non estaba apuntado no WRC2). No WRC3 e WRCJunior, o español Nil Solans volveu brillar e alzouse cos dous triunfos á vez. 
foto: wrc.com

Publicacións populares