Crónica Rally de Portugal 2017: Ogier marca distancias
Sébastien Ogier fíxose cunha vitoria importantísima para conseguir o seu quinto campionato mundial consecutivo no rally de Portugal. A edición número 50 da proba non decepcionou a ninguén e moitos tivemos a sorte de poder ir a ver aos mellores pilotos do mundo.
Na xornada do venres todo estivo moi igualado e ata o último tramo da tarde os 6 primeiros pilotos estaban distanciados por menos de 10 segundos. Non obstante, a segunda pasada por Ponte de Lima foi clave no desenvolvemento do rally. Latvala, que era líder, cometeu un erro co que perdeu todas as súas opcións (rematou noveno); Paddon, que estaba (por fin) marcando moi bos cronos, tivo problemas eléctricos no seu coche; a Meeke a xogada esta vez saíulle cruz e golpeou un "hinkelstein portugués" nunha das zonas de asfalto do tramo.
Tänak chegou líder á xornada do sábado, pero cometeu un erro que produciu un pinchazo, polo que perdeu un minuto e medio que o distanciou dos postos máis altos. Non obstante o estonio mostrouse moi rápido durante a fin de semana e pese ao erro rematou cuarto. Así, Ogier, coma sempre o máis listo da clase, fíxose co liderato o sábado e conseguiu aguantalo ata o final do rally pese aos ataques dun Neuville que foi de menos a máis. Sordo partía moi preto de Tänak na mañá do sabado, pero non atopou un bo ritmo polo que Ogier e Neuville mostraron a súa superioridade. Grazas á súa característica consistencia conseguiu un terceiro posto que quizáis sabe a pouco nun rally no que o cántabro adoita mostrar bo ritmo.
Unha actuación moi destacable pola súa consistencia foi a do irlandés Craig Breen que conseguiu outro quinto posto, aumentando a súa vantaxe no mundial cos seus compañeiros de equipo. Lefebvre volveu demostrar que non está ao nivel necesario para loitar cos mellores e agotou a paciencia do equipo Citroën que contará (xa iba sendo hora) con Andreas Mikkelsen para o próximo rally de Italia. O cuarto piloto de Citroën, Khalid Al-Qassimi, practicamente paseou co C3 WRC facendo tempos de WRC2. Importante destacar a actuación de Esapekka Lappi que deixou moi boas sensacións (mellores que as de Hänninen) pese a quedar décimo na proba. Desde logo a conducción do rapaz finlandés era moi vistosa en directo.
Evans conseguiu un valioso sexto posto tendo en conta que tivo diversos problemas durante o rally. O galés vai mellorando sensacións e pode dar moita guerra no asfalto, que é a súa superficie predilecta. Ostberg segue gañando o seu particular campionato de ser o que máis salta en cada rally. Non mostrou mal ritmo pero varios problemas fixeron que rematara no oitavo posto.
Despois deste rally Neuville quítalle a segunda posición do mundial a Latvala, que pouco a pouco vai perdendo terreo con respecto aos pilotos de cabeza. Ogier con esta vitoria consigue achegarse un pouco máis a seu obxectivo, pero Neuville cada vez mostra máis intelixencia durante os rallys e vai ser un moi duro rival para o francés. Despois deste rally de Portugal parece que o campionato pode ser cousa de Ogier e Neuville, co permiso de Latvala e Tanak que estarán esperando calquer erro.