Previa Tour de Corse 2017: a polo cuarto gañador

A temporada 2017 do WRC comezou da mellor maneira posible para os espectadores. Tres pilotos de tres equipos diferentes gañaron as tres primeiras probas dun ano que prometía emocións fortes e por agora non nos está decepcionando. Na primeira proba na que se rodará sobre asfalto seco, os flashes volven sinalar ao equipo Hyundai. 

Foto: wrc.com

A marca coreana sabe que ten un dos mellores coches (se non é o mellor) do campionato. Non obstante, os resultados non están acompañando. Os accidentes de Neuville e o mal inicio de temporada de Paddon fan que Sordo sexa o mellor clasificado no campionato, en cuarta posición. O cántabro mostrou unha actitude conservadora coa que colleitou resultados válidos nos dous primeiros rallys do ano. Unha pena que en México, onde estaba cómodo e tiña ritmo para estar en cabeza, a sorte non estivera con él e só conseguira chegar á oitava posición. Dani é un experto en asfalto e en Córcega ten a oportunidade de presentarse como candidato serio ao título. Neuville atópase a só dous puntos del na clasificación e sabe que aínda está a tempo de arranxar os erros que cometeu en Suecia e Mónaco. 



Foto: motorsport.com
O equipo Citroën chega ao rally da casa moito máis aliviado despois de gañar en México, pero aínda co susto no corpo despois do non-accidente de Kris Meeke. Sabemos que o noirlandés é unha caixa de sorpresas, veremos que fai esta fin de semana. Tamén estará no punto de mira Lefebvre, un piloto que non está chegando ao rendemento esperado e que é considerado moi rápido sobre asfalto. Neste rally volve a correr Craig Breen, que deixou moi boas sensacións en Mónaco pese a correr co coche do ano pasado. Neste rally disporá dunha unidade do 2017, así que poderemos ver todo o seu potencial. 


Malcolm Wilson non pode ocultar a súa cara de felicidade despois do rendemento do seu equipo Ford. Ogier lider do campionato e Tänak terceiro, a situación é inmellorable pero o de Cumbria sabe que o coche debe mellorar. Veremos sobre o asfalto francés se o Fiesta WRC está á altura. Por último, o equipo Toyota, pese aos problemas do Yaris WRC en México, chega aínda celebrando a victoria en Suecia. Veremos que é capaz de facer Latvala nunha superficie que non é a súa favorita. Hanninen estará bastante vixiado por Tommi Makinen, xa que o seu inicio de temporada non foi demasiado bo. 

A vitoria en Córcega non vai estar fácil, e Hyundai pode convertirse no cuarto gañador en catro probas distintas. Desde logo hai moitos alicientes para seguir esta proba durante a fin de semana.
Recordade que redbull.tv emirirá resumos todos os días de rally ás 22:00 ademáis dun tramo en directo o sábado ás 16:00. Movistar tv retransmitirá en Multideporte 1 a Power Stage o domingo ás 12:00, ademáis do tramo do sábado ás 16:00.


Publicacións populares