Crónica Rally de Arxentina 2017: Final dramático para Evans

foto: mascoche.net
A quinta proba do WRC deixounos, sen dúbida, un dos finais máis emocionantes de toda a historia da disciplina. Para analizalo é preciso poñernos en contexto. Comeza o rally e Elfyn Evans, un dos grandes olvidados desde mundial 2017 debido a unhas primeiras actuacións moi discretas (desde aquí pido disculpas por esquecerme del moitas veces), comeza marcando un ritmo altísmo que o sitúa cun minuto de vantaxe sobre Neuville. O belga comeza unha remontada histórica e queda a só 0.6 do galés co último tramo por diante. Aínda así, Evans sae a morte no histórico tramo de "El Cóndor" (emulando a Hayden Paddon) e vai marcando mellor tempo que o belga ata que impacta nunha ponte e perde toda a súa vantaxe, perdendo o rally por 0.7.

É importante poñerse na pel dos dous pilotos despois do sucedido. Para Evans ten que ser moi duro perder un rally no que tiña unha vantaxe tan ampla e máis tendo en conta que as cousas no inicio da temporada non sairon como el quería. Non obstante, esperemos que este segundo posto sexa un punto de inflexión no seu rendemento (como foi para Tänak no rally de Polonia do ano pasado no que sucedeu algo parecido). No lado de Thierry Neuville, esta vitoria despois unha remontada que quedará para a historia do WRC supón unha enorme subida de moral que o mete de cheo na loita polo campionato (xa está 3º a 2 puntos de Latvala). 

Nandan, o xefe de Hyundai, debe estar moi contento co belga. Non tanto cos seus outros dous pilotos, xa que Sordo cometeu un erro co que avariou a dirección do seu i20 e só conseguiu un oitavo posto. Paddon volcou na primeira xornada e conseguiu un 6º posto final noutro rally mediocre do "kiwi" que está moi por debaixo do esperado. Tanto el como Sordo dan a sensación de non adaptarse aos novos coches, aínda que o cántabro mostrouse bastante máis rápido. 

Se para Sordo e Paddon a fin de semana foi gris, para o equipo Citroën foi máis oscura aínda. Breen comezou mostrando a súa característica consistencia pero un fallo na caixa de cambios do C3 WRC deixouno fóra ás primeiras de cambio. Meeke (que é cara ou cruz) mostrou a súa cara máis negativa con dous accidentes no mesmo rally (o segundo deles moi impactante). 
foto: redbull.com

Para Toyota os obxectivos están cumplidos sen grandes alardes. Hanninen quedou septimo (e non chocou contra ningunha árbore, debe ser porque na serra arxentina non hai demasiadas), conseguindo o mellor resultado da temporada. Latvala segue manténdose segundo na clasificación do campionato despois de conseguir un quinto posto pese a ter pequenos problemas no Yaris. 

Desde logo o xefe de equipo máis contento debe ser Malcolm Wilson. Os seus pilotos (incluíndo a Evans) quedaron en 2º,3º e 4º posición, e Ogier segue líder do mundial. O de Cumbria quedou moi satisfeito coa actuación de Evans que se mostrou capaz (por fin) de loitar baixo presión, aínda que non obtivera o seu ansiado premio. Podemos dicir con certeza que os rallys débenlle unha vitoria a Evans. Se o galés segue esta senda. seguro que a conseguirá. 

Outra das grandes sorpresas foi outro piloto de Ford, Mads Ostberg, que chegou a ir segundo na clasificación. Un impacto fíxoo retroceder ata a 9º posición, pero o seu ritmo estivo moi por enriba do esperado. 

Dentro de tres semanas chega unha proba que para nós, os galegos, e coma se fora a da casa: o rally de Portugal. Faremos unha cobertura especial mostrando o itinerario, horarios e mellores zonas para o espectador. Permanecede atentos!

Publicacións populares