Retro: Tour de Corse 2001: A única vitoria de Puras.

Continuamos na nosa nova sección comentando o Tour de Corse de 2001. Rally que gañou un dos personaxes máis coñecidos do automobilismo español e sen dúbida un dos mellores pilotos españois da historia: Jesús (Chus) Puras. Despois de quedar ás portas en 1999 co Xsara Kit-Car, o cántabro conseguiu na proba francesa a única vitoria no WRC da súa carreira deportiva co Xsara WRC. Era, ademais, a primeira vitoria dun Xsara WRC co cal posteriormente Loëb comezaría a súa lenda.



As únicas imaxes das que dispoñemos son da tv francesa, xa que as imaxes da páxina oficial do WRC foron elminadas recentemente. Anímovos a ver o vídeo enteiro, xa que, pese a estar todo en francés, as imaxes dos coches daquela época ou as entrevistas a pilotos como McRae, Sainz ou ao propio Chus Puras non teñen desperdicio. Aínda así indicarémosvos os feitos máis destacados que aparecen no vídeo. 






Comezou este rally de Córcega cuns primeiros tramos moi accidentados. O compañeiro de Puras, Bugalski, ten un accidente poucos metros despois de comezar o rally (1:40), polo que Puras quedábase como único representante de Citroën moi cedo. E pouco tempo despois pasaría a ser tamén o único representante español despois de que o Ford Focus de Sainz tivera un problema no motor (2:40). Máis tarde, o actual director do equipo Toyota, Tommi Makinen, tiña un accidente (3:40) que tamén o obrigaba a abandonar. Así,  Chus Puras (8:15) deu a sorpresa e acabou a xornada como líder, seguido de outro coñecido dos rallys, Gilles Panizzi, cun 206 WRC. 

Foto: car Enthusiast

A segunda xornada comezou cun accidente do actual campión do mundo nese momento: Marcus Gronholm perdía o control do seu 206 WRC (10:00) e quedaba fóra. O carismático Colin Mcrae seguía a súa filosofía de pilotaxe (11:31),  atacando ata que perdeu a dirección asistida. E Chus Puras seguía mantendo un moi bo ritmo (15:14) e aumentando a distancia con Panizzi e Auriol. 

Chegou a derradeira xornada e Chus Puras non quería  deixar escapar o seu soño polo que diminuíu un pouco o seu ritmo. Panizzi tratou de atacar ata o final pero quedou a case 20 segundos do cántabro, que non puido conter a emoción ao chegar a meta (20:16). 

Sen dúbida a vitoria de Puras foi unha moi xusta recompensa a moitos anos de traballo. O cántabro, que é o piloto con máis CERA (8), xunto con Zanini, mostrou neste rally todas as cualidades polas que era practicamente invencible no campionato nacional. Ese ritmo altísimo desde o primeiro metro, case imposible de seguir, era a marca de Chus. Citroën non lle devolveu a Puras todo o que él lle deu á marca francesa, e nunca puido disputar un WRC enteiro. Para min, tiña cualidades para estar arriba na clasificación, pero nunca saberemos de que sería capaz. 




Publicacións populares