Crónica do Rally de Suecia 2017: Toyota e Latvala están de volta

Tiveron que pasar 18 anos para que un Toyota volvese a subir ao alto do podio nun rally do WRC. Esa útima victoria ata o momento fora para Didier Auriol, no rally de China de 1999, subido no mítico Toyota Corolla WRC. Neste caso sería Jari-Matti Latvala (que levaba desde Mexico 2016 sen gañar) quen consegiu que a marca nipona, agora co Yaris WRC, retorne á senda da victoria.



O rally de Suecia chegaba ao seu comezo con máis dúbidas que certezas, xa que o sorprendente comezo en Monte-Carlo de Neuville e o aínda máis sorprendente segundo posto de Latvala non deixaban claro cal era o rendemento real de Hyundai e Toyota. Así, o único rally sobre neve da temporada comezou dun xeito bastante similar á primeira proba do ano.

Na primeira xornada Neuville mostrou un ritmo alto e consistente, á vez que unha pilotaxe moi fina, que o situaron primeiro cun bo colchón de segundos. Segundo, Latvala, que comezaba a demostrar que o segundo posto en Monaco non fora un golpe de sorte. Completaba o podio Tanak que estaba mostrando un bo ritmo co novo Ford Fiesta, seguido de Meeke. O norirlandés comezaba a gañar confianza co C3 WRC e a demostrar que podería loitar polo podio. En quinta posición, Ogier, que non se atopaba cómodo co coche.

Chegou así unha segunda etapa na que sucederon moitas cousas. Meeke cometeu un erro de pilotaxe e quedou enterrado na neve, polo que perdeu unha cantidade de tempo enorme e deixou claro que non está sendo o mellor inicio posible para Citroën. Neuville, que seguira pilotando moi ben durante todos os tramos do sábado, cometeu un erro inexplicable na última superespecial do día. Este incomprensible fallo do belga nun tramo de 2 km, no cal tiña todo por perder e nada por gañar colocou como lider a Latvala a falta dos 3 tramos do domingo. Mais o ataque de Tanak durante o sabado colocou ao estonio a só 3.8 segundos do finés, polo que nada estaba decidido. Ogier tamén se decidiu a atacar nesta xornada e, aproveitando os infortunios de Meeke e Neuville situouse terceiro a 16.6 da cabeza. Dani Sordo, cun ritmo moi conservador, conseguiu tamén adiantar postos e colocarse cuarto, seguido dun Craig Breen que tivera algún que outro problema.


Nun principio parecía que a escasa marxe de Latvala para os últimos tres tramos podería pór o seu triunfo en perigo. Nada máis lonxe da realidade. O finés mostrouse intratable, voando sobre a neve e gañando as tres últimas superespeciais. Un pequeno erro de Ogier nada máis comezar o primeiro tramo do día deixouno fóra da loita, e máis tarde sucedería o mesmo con Ott Tanak. Deste xeito ningunha das primeiras posicións cambiou ao remate da última xornada deste rally de Suecia.

Latvala, ademáis de conseguir a primeira posición na proba escandinava, consigue colocarse como líder do mundial con 44 puntos, seguido de Ogier a só 4 puntos e Tanak a 15. Fóra das tres primeiras posicións están Sordo, Breen, Evans, Lefebvre e Neuville nesa orde.




Foto 1: artemotor.net
Foto 2: wrc.com
Foto 3:motorsport.com
Foto 4: wrc.com



Publicacións populares