Crónica e opinión Rally de Montecarlo 2018: Todo sigue igual... ou non

Sébastien Ogier volveu vencer (e xa van 5 seguidos) no rally de Montecarlo. O francés naceu en Gap, moi preto de onde se disputan os tramos desta proba, así que para el é como xogar en casa. Sigue agrandando a súa lenda o piloto de Ford nun rally que tivo controlado de principio a fin. 

Foto: M-Sport


A primeira proba do mundial comezou cun tramo do máis emocionante. Evans pinchaba e Meeke e Neuville quedaban atascados despois de dúas saídas de pista. O belga, principal aspirante (sobre o papel) para roubarlle o trono a Sébastien Ogier comezaba así da peor maneira posible o mundial. Ogier, pese a cometer pequenos erros, demostraba ser o máis rápido, seguido por dous Hyundai: Mikkelsen e Sordo. Ambos abandonarían na xornada do venres, un por avería no alternador e outro por unha saída de pista.

Despois disto, serían os tres Toyota os que perseguirían a Ogier durante case todo o rally. Tanak, Latvala e Lappi nese orde. Na xornada do sábado Tanak atacou e comezou a achegarse perigosamente a Ogier, pero algúns erros do estonio deron lugar, outra vez, a unha vantaxe ampla por parte do francés, que non arriscou o domingo para levarse así o rally. O que si que cometeu un erro (a só varios centos de metros do final do rally) foi Esapekka Lappi, que caiu tres postos nunha saída de pista. Así, finalmente, foi séptimo. A cuarta posición foi para Meeke, a quinta para Neuville e a sexta para Evans




Parándonos a analizar con máis detalle o transcurso do rally, temos que destacar que a actuación de Lappi foi fantástica pese ao séptimo posto. O finlandés carecía de ritmo e experiencia en asfalto e foi capaz de conter algún que outro ataque de Meeke e non cometer erros ata o último tramo. E digo "algún que outro" porque Meeke esta vez non foi o Meeke que esperabamos. Quizáis pecou incluso de conservador, pero non tratou de atacar sen cabeza cando non é necesario. Rematou nun cuarto posto que non está nada mal tendo en conta o imprevisible que é este rally. Creo que a prensa foi demasiado dura con el nesta fin de semana, e máis se temos en conta que ten o peor coche. 

Foto: Citroen Racing



Hyundai tivo un fin de semana moi gris que se salvou por unha fantástica remontada de Thierry Neuville ata un quinto posto que incluso puido ser cuarto se non fose pola brilante power stage que realizou Meeke. O belga segue sen saber ben cando é necesario atacar e puido ter un resultado moito mellor. Non obstante, a temporada é moi longa e ritmo non lle falta. O seu compañeiro, Dani Sordo, volveu fallar cando estaba ben situado e a paciencia de Michel Nandan comeza a esgotarse. 


Foto: Bastien Roux

Dicía na previa que Toyota ten que demostrar esta temporada que está para loitar polo título. Creo que colocar dous coches no podio é a mellor forma de facelo. Jari-Matti Latvala non tomou riscos e pensou en conservar unha gran terceira posición en lugar de atacar sen sentido (quen diría isto hai oito anos...). E o seu compañeiro Ott Tanak foi, sen dúbida, a sorpresa do rally. O seu ritmo en asfalto mellorou notablemente nos últimos rallyes e con este segundo posto oposita ao campionato.

Foto: Marca


Ogier volveu demostrar que é o piloto máis completo e sabe administrar as vantaxes tan ben como o facían grandes campións como Sainz ou Loeb. Aínda así, nada está decidido neste mundial. Os "paseos" co Polo WRC son pasado. Recordade que este sempre é o mellor rally do campionato para o de Gap e en terra vai sufrir máis. Tanak demostrou que está moi forte, Latvala ten a templanza que nunca tivo e Neuville un ritmo brutal que só ten que saber controlar. O mundial é moi longo e, desde logo, non vai estar regalado. 

Publicacións populares