Crónica Rally de Catalunya 2017: Vitoria para Meeke, soños rotos para Hyundai

Como diciamos na previa, os rallyes son impredecibles. Moitas veces tamén son crueis. Que llo digan a un equipo Hyundai que chegou cheo de ilusión á antepenúltima proba do mundial e marcha coa sensación de ter practicamente todo perdido nunha proba que gañou Kris Meeke. Aínda hai unha moi remota posibilidade en cada un dos dous campionatos que se disputan, pero en especial o de construtores está xa case en mans de M-Sport. No caso do de pilotos, só unha machada histórica evitaría o triunfo de Sébastien Ogier
foto: eurosport


O rally non comezou demasiado ben para Thierry Neuville na terra catalá despois de preparar unha
foto: wrc.com
mala estratexia de neumáticos. Pola contra, Ogier estivo brillante a pesar de ter que lidiar coa dura tarefa de abrir pista. Desde logo unha das mellores xornadas do francés en todo o ano. Mikkelsen, no seu debut con Hyundai, sorprendeu a todo o mundo colocándose líder. Jari-Matti Latvala volveu sufrir problemas no seu Toyota e viuse obrigado a abandonar outra vez. Mala sorte nesta segunda parte da temporada para o finlandés. 

Nos primeiros tramos do sábado Neuville saiu a morder e recuperou con Ogier toda a distancia perdida o día anterior. Distancia que perdería moi rápido despois duns problemas hidráulicos que sufriu o seu i20 WRC durante o enlace que obrigaron ao belga a chegar tarde ao tramo e recibir unha penalización de case un minuto. Ademáis, golpeou o seu coche durante o propio enlace. Non obstante, Dani Sordo comezou a mostrar a súa capacidade en asfalto e tanto el coma Mikkelsen quedaron xusto detrás de Ogier. Pese ao erro de Neuville, Nandan tiña a estratexia clara. Sordo e Mikkelsen tiñan que colocarse xusto diante de Ogier e Neuville atacar a Ostberg e Hanninen para perder os mínimos puntos posibles (sen ter en conta a power stage). Meeke, ante toda esta loita polos campionatos, sacou (por fin) a súa cara máis competitiva e colocouse líder

foto: wrc,com

Parecía que a estratexia podía funcionar, ata que os dous escudeiros de Neuville golpearon unha rocha cortando exactamente na mesma curva. Hyundai perdía gran parte das súas opcións en poucos minutos. Posteriormente Tanak "deixou pasar" a Ogier, que se colocou segundo. Non obstante, Neuville estaba situado quinto antes de comezar a xornada do domingo. Pese a todo, había esperanza. 

O belga comezou atacando con todo na última xornada. Ata que no tramo televisado por tdp das 8:30 algúns vivimos en directo como a Thierry lle sucedía o mesmo que aos seus compañeiros de equipo. Outra rocha cortando, outro coche fóra. Así morría gran parte do soño de Hyundai, con Neuville chegando á meta coa suspensión rota. Salvo que Ogier non puntúe en Gales, será moi difícil chegar con opcións a Australia. Pero como lle dixo Luis Moya a Neuville no programa de redbull.tv "Isto non remata ata que remata".
foto: wrc.com
Finalmente, Meeke gañou, polo que libera un pouco de tensión despois duns meses duros e consigue unha vitoria moi necesitada por Citroën. Ogier foi segundo e acaricia o pentacampionato. E Malcolm Wilson roza cos dedos o título de construtores e o primeiro título de pilotos para M-Sport na súa historia. De feito, o segundo piloto agora no mundial é Ott Tanak.




No WRCJunior Nil Solans proclamouse campión e xa recibiu o que será o seu coche a vindeira temporada na que esperamos que mostre o seu gran nivel. 

En último lugar, gustaríanos facer dende aquí unha crítica a teledeporte e a rtve pola súa nefasta retransmisión dos tramos. O sábado decidiron non emitir nada mentres que o domingo, no último tramo, cortaron a emisión xusto antes de saír os líderes do rally. Pode que os afeccionados aos rallyes non sexamos os máis abundantes do Estado, pero merecemos un mínimo de respeto por parte dos medios de comunicación, que cancelaron e cortaron sen previo aviso as únicas emisións en directo que tiñan planeadas para todo o ano.

foto: rfeda




Publicacións populares