Crónica Rally de Finlandia 2017: Lappi entra na historia nun rally agridoce para Toyota
Hai moi poucos pilotos que conseguiran gañar na primeira temporada da súa vida cun WRC. O finlandés Esapekka Lappi foi quen de conseguilo despois de pilotar e administrar a súa vantaxe de maneira case perfecta. Evans foi segundo despois dunha gran remontada, mentres que Hanninen rematou terceiro e conseguiu o primeiro podio da súa carreira.
foto: Red Bull |
foto: overdrive |
A proba nórdica comezou cun accidente de Ogier que obrigaría ao de M-Sport a abandonar. De feito, debido aos problemas físicos do seu copiloto Ingrassia, nin sequera puido disputar a power stage. Latvala e Lappi mostraban un ritmo moi superior ao do resto de pilotos e quedaban cara a cara para disputarse o rally. Neuville, que tivo un rally moi frouxo, comezou facendo tempos moi mediocres e lonxe do seu ritmo habitual.
O sábado comezou xenial para un equipo Toyota ao que todo lle saía ben. Hanninen conseguiu pasar do sexto ao terceiro posto e Makinen comezaba a soñar cun triplete. Soño que se rompeu despois de que o Yaris WRC de Latvala se parase por problemas eléctricos. Outro erro no que o finlandés voador non ten ningunha culpa e co que queda moi lonxe da loita polo campionato. Jari-Matti, o destino débeche un título. Lappi quedou primeiro cunha vantaxe moi ampla. Vantaxe que mantivo ata o final do rally, pese a ter un pequeno contratempo na xornada do domingo no que puido rematar co seu soño.
foto: wrc.com |
O rapaz finlandés está sendo, desde logo, a sensación destes últimos rallyes. A súa conducción vistosa e o seu ritmo alto están facendo que se gañe á afección. Segundo foi Elfyn Evans nun rally no que pasou do quinto ao segundo posto cun ritmo moi bo e grazas a un erro de Teemu Suninen o domingo. Outro rapaz que fixo un rally moi bo pero tivo unha saída de pista que o fixo caer da segunda á cuarta posición. Terceiro foi finalmente Hanninen que conseguiu o seu primeiro podio, quedando só a 3 décimas de Evans. Quinto foi un Breen que como sempre está salvando os mobles de Citroën, seguido de Neuville (que é novo líder do mundial empatado a puntos con Ogier) e Tanak. Dani Sordo rematou noveno nun rally moi decepcionante no que estivo moi lonxe de atopar un ritmo competitivo.
No WRCJunior Nil Solans tivo bastantes problemas pero conseguiu remontar, ser segundo e gañar o pack composto por Polonia-Finlandia que lle asegura pilotar máis rallyes nun WRC2 na próxima temporada.
foto: latulasport |