Previa Rally de Portugal 2017: O punto de inflexión

Chega unha das probas que pode ser máis decisiva para o destino do WRC. O Rally de Portugal, do cal moitos poderemos disfrutar (mirade aquí o itinerario e zonas espectáculo), pode darlle un pouco de aire a Ogier ou poñer a Latvala e Neuville xunto ao francés. Haberá, ademáis, varias novidades nesta proba, unha delas a presentación do novo Opel Corsa R5 no Service Park en Matosinhos. 

O primeiro nome do que imos falar non pode ser outro que Thierry Neuville. Está demostrando que é o piloto máis rápido, e o seu Hyundai parece un coche moi competitivo. Unha boa actuación en Portugal pode deixalo moi ben posicionado no campionato. Conseguirá a súa terceira vitoria consecutiva? Pouco hai que engadir sobre Paddon e Sordo que non souberamos antes de Arxentina. Arxentina foi unha proba gris para os dous que esperan ser capaces de demostrar a súa valía neste rally. A actuación de Sordo o ano pasado foi bastante boa, xa que hai tramos nos que se sinte bastante cómodo, veremos se é quen de conseguir atopar un bo ritmo. 

foto: rallye.net

Sebastien Ogier chega un pouco descontento coa fiabilidade e o rendemento do seu Fiesta WRC. Pese a ser líder, o francés xa non dá esa sensación de imbatibilidade que conseguía dar co equipo Volkswagen. Non obstante, o seu compañeiro Ott Tänak tamén se está mostrando a un bo nivel e, de non ser polo seu erro no Tour de Corse, podería estar mellor situado na clasificación (atópase cuarto actualmente).  O terceiro piloto do equipo, Elfyn Evans, chega coa moral moi alta despois dunha gran actuación en Arxentina. O ano pasado Tänak mellorou moito o seu ritmo despois do segundo posto en Polonia, será Evans capaz do mesmo?


Toyota terá un terceiro coche para este rally, pilotado polo finlandés (como non) Esapekka Lappi. Teremos que estar moi atentos á súa actuación porque Hanninen pode quedar nunha situación moi comprometida se volve facer algunha das súas. O primeiro piloto do equipo, Jari-Matti Latvala, tratará de seguir sumando puntos nun rally que se lle dá bastante ben (gañou en 2015). O finlandés non está cometendo erros e segue estando na loita polo campionato (segundo con Neuville a só dous puntos) pese a que o Toyota está demostrando non ser o mellor coche, 

Outro equipo que aumentará o seu número de coches é Citroën, que correrá neste caso con 4, xa que aos pilotos habituais sumarase Khalid Al Qassimi. Teremos que estar atentos a Kris Meeke (que este ano vai a accidente ou vitoria) e a Craig Breen que é actualmente o Citroën mellor situado no campionato, 

Mads Ostberg volverá a correr co seu Ford Fiesta WRC privado. O seu compañeiro de equipo, o querido por moitos Martin Prokop, volverá ao mundial correndo neste caso coa versión de 2016 do Ford Fiesta. 

Espéranos unha proba moi emocionante do que está sendo, sen dúbida, o campionato máis igualado da década. 


Publicacións populares