Crónica Rally de Córcega: Por fin, Neuville


Unha semana despois de que Neuville gañara en Francia chega o momento de sacar conclusións. A cuarta proba do WRC tivo como gañador ao piloto que probablemente máis merecia unha vitoria nesta temporada. Thierry Neuville demostrou que tiña ritmo para gañar, pero dous erros deixárono sen un merecido triunfo. O belga conseguiu neste Tour de Corse manter un ritmo moi alto durante toda a proba, escolleu ben os tramos nos que atacar e administrou moi ben a súa vantaxe. Aínda que xa está un pouco descolgado do liderato do campionato, esta vitoria volve a metelo na loita. 



Os seus compañeiros de Hyundai non teñen unha nota tan positiva como él. Paddon engade un mediocre rally máis a un gris inicio de temporada. Nunca tivo ritmo para estar arriba e rematou en terra de ninguén. Así, fixo un "tramo espectáculo" na última especial. Por outra parte, malia que Dani Sordo rematou no podio e fixo un bo rally, temos que ter en conta que é un especialista en asfalto e non mostrou un ritmo tan alto como o que cabe esperar del. O cántabro partiu en segunda posición no último tramo  e non foi quen de aguantar o ataque de Ogier, que tivo problemas no seu Fiesta WRC. Sordo volveu mostrar esa falta de ambición que se lle critica en moitas ocasións. 

Foto: wrc.com 
Precisamente se falamos de ambición, temos que destacar a Jari-Matti Latvala. O finlandés sabía que o seu Toyota tiña moito que mellorar en asfalto e aínda así conseguiu rematar cuarto sumando os 5 puntos da power stage. Craig Breen arrebatoulle o cuarto posto na penúltima especial, pero Latvala brillou e gañou uns puntos que quen sabe se poden ser vitais a final de temporada. Makinen debe estar moi contento co seu rendemento, e á súa vez moi indignado co dun Juho Hänninen que tivo o seu cuarto accidente consecutivo. Mentras tanto Mikkelsen arrasa no WRC2... Que mal repartido está o mundo ás veces.

O equipo Citroën comeza a ver a luz despois dun comezo de temporada desastroso. Pese a que Meeke tivo que abandonar cando era líder, quedou claro que o C3 WRC é un coche que pode marcar grandes cronos. Meeke fixo o que puido e os problemas do motor do C3 foron inevitables, polo que o xefe Yves Matton está moi contento co rendemento do norirlandés, ao igual que cun Craig Breen moi consistente durante toda a proba e que mostrou un bo ritmo. Sen dúbida o máis sinalado dentro do equipo frances foi Stephane Lefebre: outro rally máis sen acabar e sen mostrar tempos competitivos. Citroën sería outro equipo ao que Mikkelsen non lle sobraría.

Foto: SnapLap
Para o equipo Ford, liderado por Malcolm Wilson, as sensacións son contradictorias. Por unha parte, Tänak tivo un accidente e non foi quen de puntuar. Ademáis, o Fiesta WRC de Ogier tivo moitos problemas durante todo o fin de semana. Non obstante, o francés non pecou de conservador como noutras ocasións e rouboulle o segundo posto a Sordo no último tramo. O de Gap segue lider seguido por un Latvala que non llo deixará tan fácil como outros anos.

Catro probas. Catro gañadores. Catro marcas. O WRC 2017 non está decepcionando a ninguén e seguro que nos traerá momentos moi emocionantes na próxima proba en Arxentina. 


Publicacións populares